Friday 03 de May de 2024

Misterio resolto: Os códigos QR que inundan Bergondo forman parte dunha acción de sensibilización pola contaminación dos acuíferos


• Hoxe, 22 de marzo, celébrase o Día Mundial da Auga

• Mozos e mozas de Bergondo idearon esta acción para concienciar á veciñanza

O mércores pasado Bergondo espertaba cun gran número de códigos QR espallados por todo o concello. Algúns deles de ata 3 x3 metros. Cando escaneábamos o QR accediamos a unha url www.noncoñecesoteupobo.org no que atopábamos unha contra atrás que nos conducía ata o día de hoxe, 22 de marzo, Día Mundial da Auga.

Esta mañá o misterio resolvíase, e agora, ao escanear o código QR xa non aparece unha contaatrás senón un xogo. Nel, pregúntase aos bergondeses e bergondesas, en ton de humor, canto saben do seu pobo, poñendo o foco en temas vinculados coa auga. Que pasa cando te bañas na praia do Pedrido? Onde foron as aves que aniñaban nas Mariñas? Ou, de onde ven a agua que sae pola billa en Bergondo? son só algunhas das preguntas que deberán responder os que se animen a completar o xogo. E ollo, porque ao rematar, tamén hai premio.

Toda esta acción, que poderíamos definir como comunicación de guerrilla, foi ideada por mozos e mozas do propio concello de Bergondo a través do proxecto europeo ‘People & Planet: un destino común’ impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, coa colaboración do Concello de Bergondo. A idea é concienciar á xuventude sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable.

A comunicación de guerrilla é unha técnica comunicativa que busca xerar impacto e conciencia social, utilizando o espazo público para provocar unha reflexión na cidadanía. Neste caso, os mozos e mozas de Bergondo propoñen á veciñanza unha reflexión en torno a contaminación e a seca dos acuíferos tanto en Bergondo coma noutras partes do mundo.

O punto de partida foi a participación desta rapazada en tres obradoiros previos impartidos pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social ( AGARESO) onde aprenderon non so as peculiaridades que usa a comunicación de guerrilla, senón tamén a temática a tratar: a auga como un dereito humano fundamental e a crise climática global, e tamén comezaron a imaxinar a acción que hoxe podemos ver en Bergondo.

A iniciativa #PeopleAndPlanet que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, busca tamén reforzar aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030, en especial o ODS 13, que chama a adoptar medidas urxentes para loitar contra o cambio climático e os seus efectos. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 19 entidades de Galicia, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Cabo Verde